Presentación
O Concello de Betanzos está no centro do Golfo Ártabro da provincia da Coruña, e ocupa unha superficie de 24 quilómetros. É capital de comarca e conta cuns 13500 habitantes repartidos en 8 parroquias: Bravío, Piadela, Pontellas, Requián, Santa María, Santiago, Tiobre e Viñas.
O Centro histórico foi declarado conxunto-histórico artístico en 1970 e trátase dunha das cidades medievais máis importantes de Galicia, proba diso é que foi capital dunha dos setes provincias do antigo Reino de Galicia.
Cidade (desde 1465) conta cun abundante patrimonio que reflicte a súa rica e variada historia, así como tres ríos que bañan o seu territorio: Mandeo, Mendo e Mero, que xunto á Ría de Betanzos conforman unha paisaxe digna de coñecer.
Festas, tradicións e gastronomía fan que calquera visita a Betanzos sexa sempre algo diferente. Ademais de pasear e descubrir todo o patrimonio cultural e natural que ten Betanzos, a hospitalidade da súa xente deixará unha agradable pegada nos visitantes.
Betanzos é historia, monumentalidade, tradición mais tamén está viva, convida a descubrir cada un dos seus recunchos, a pasear con calma, a coñecer os seus costumes.
Situación
Betanzos está situada na provincia da Coruña no Noroeste da Península Ibérica.
Por estrada podemos acceder a través da N-VI Madrid-A Coruña. Así mesmo conta con acceso á A-6 Autovía do Noroeste e á AP-9 Autoestrada do Atlántico. A N-542 comunica Betanzos con Santiago de Compostela; a N-651 con Ferrol; a AC-840 co interior de Galicia ata Ourense e a AC-0905 con Vilalba en Lugo.
Por tren Betanzos conta con dúas estacións,a de Betanzos-Cidade con servizo á Coruña e Ferrol e Betanzos-Infesta con servizo a Monforte de Lemos, Madrid e Barcelona.
Betanzos está situado a 18 quilómetros do aeroporto de Alvedro con voos nacionais e internacionais de compañías aéreas, tamén de baixo custo. O aeroporto internacional de Lavacolla está a 60 quilómetros.
Por autobús existen numerosas compañías que ofrecen os seus servizos na cidade.
Historia
As favorables condicións ambientais e de comunicación, así como a cantidade de restos de asentamentos humanos atopados de culturas posteriores, fannos pensar que esta zona xeográfica estivo habitada xa por grupos paleolíticos.
Das culturas prehistóricas será a castrexa a máis coñecida, tanto a nivel científico como popular. Identifícaa, especialmente, o tipo de asentamento ou hábitat, o castro -de aquí toma o seu nome- destacando non só polas características destes, senón tamén pola cantidade deles que aínda se conservan. No noso territorio municipal destacamos o Castro de Untia como orixe da cidade de Betanzos.
A cidade constrúese comezando pola cima do castro ou “croa” e esténdese arredor desta, utilízase e respecta, pois, a propia orografía do terreo. Neste punto máis alto é, precisamente, onde se está emprazada na actualidade a praza da Constitución, rodeada por edificios como: o Concello, o Pazo de Bendaña, a Torre, a igrexa de Santiago e unha serie de vivendas de madeira. Este material, que se utilizou na construción ata principios do s. XVIII, foi motivo da masiva destrución de casas nos incendios de 1569 e 1616.
Nun primeiro momento, Betanzos estendíase ata o primeiro recinto amurallado (rúas do Castro, Santiago, Lanzós e Ferreiros), os patios e hortas finalizaban nun muro que co tempo se transformaría en rúa. O segundo recinto abrirase polos séculos XIV-XV, aínda que os restos conservados datan do XIV, foron reconstruídos máis tarde xa na época dos Reis Católicos. Desta muralla, que rodeaba a cidade, chegou pouco ata os nosos días, aínda que aínda se pode distinguir. Case toda ten edificacións particulares encostadas, só se pode apreciar nalgúns tramos (100 m na rúa de Valdoncel), onde se ve a súa factura de cachotaría.
Catro portas e un poxigo, todas elas do século XV, daban acceso á cidade: a chamada Porta da Vila, en fronte ao Campo da Feira, foi derrubada no ano 1872 para ensanchar a entrada á vila; con ela tamén desapareceron as ameas e trasladaron os escudos que a coroaban. As outras tres portas eran (e na actualidade son): a da Ponte Nova, do Cristo e a da Ponte Vella. O tres son de forma apuntada, coas aberturas das reixas na primeira e na terceira; e a segunda presenta, por riba dun pequeno balcón, un Cristo e detrás, pintados, unha cidade cun sol e unha lúa.
No século XVII, e polas influencias do estilo Barroco, realízanse algunhas transformacións: xorden os balcóns, os soportais e ábrense xanelas nos muros que con anterioridade eran macizos (como ocorre no pazo de Lanzós); ademais realízanse outras obras dentro e fóra da cidade como: o pazo de Bendaña, a igrexa das Angustias, o convento de San Domingos, etc.
Un século máis tarde, xa no XVIII, construiranse edificios tan importantes como o Concello ou, xa nos extramuros, o que se pretendeu fose Arquivo do Reino de Galicia, o actual Liceo.
A mediados do século XIX comeza a xurdir un interese real polo aspecto urbanístico da vila, faranse reformas na Praza do Campo, e tentarase convertela nunha “praza maior”; así, decídese o seu pavimentación e tráese desde Francia unha fonte de ferro que representa a “Diana cazadora”, e que se coloca nun lugar céntrico da praza. As casas, situadas nun lado desta, sofren reformas, xorden as galerías que transforman o aspecto do conxunto.
A cidade tenta saír dos límites que lle impoñen o recinto medieval, abriranse novas rúas con mellores condicións hixiénicas, realízanse os proxectos do ensanche e incorpóranse novas tendencias arquitectónicas (casa de don Juan García Naveira). Conviven, neste momento, entre os séculos XIX e XX, tendencias de estilo historicista con modernismo e eclecticismo. Será o momento no que os “indianos” patrocinen obras de carácter social.
Desde a década do trinta é perceptible unha liña de ruptura coa construción tradicional; recórrese a un tipo de edificio máis barato, onde predomina o uso do ladrillo e do cemento e desaparecen, practicamente, os ornamentos. Con todo, por mor da declaración da cidade como conxunto histórico-artístico, obsérvase máis coidado á hora de realizar novas construcións ou rehabilitar as antigas.
Parroquias
Santiago e Santa María son as parroquias situadas no área urbana de Betanzos. Nos arredores da cidade podes atopar: