TORTILLA

VIÑO

REPOLO

OUTROS

O visitante pode degustar en Betanzos exquisitos manxares grazas aos variados e ricos produtos da nosa horta, dos nosos ríos e da nosa ría. Un factor importante son os mercados semanais e feiras quincenais que serven de intercambio dunha materia prima de calidade excelente.

Nas numerosas adegas, bares, mesóns e restaurantes que existen, pódese degustar calquera prato pero imos facer fincapé nos máis típicos e de maior recoñecemento para os nosos visitantes.

Os mariscos da ría de Betanzos como as ameixas, mexillóns, nécoras, centollas, polbo ou as luras serán un dos primeiros pratos incomparables.

Os peixes dos ríos Mendo e Mandeo son sabrosísimos, sen esquecer a robaliza da ría. Contamos con carne de todo tipo: tenreira, porco, caza…; queixos do país; repostaría e embutidos caseiros.

Tortilla de Betanzos

É o prato por excelencia da gastronomía betanceira. A tortilla é feita con aceite de oliva, pataca, sal e ovo caseiro. Pódese degustar en todos os bares e
restaurantes da cidade.

Repolo de Betanzos

Véndese nos mercados semanais. É de sabor doce e moi apreciado para a elaboración do caldo galego e do cocido ata que non aparecen os grelos. Non hai que esquecer que ata ten unha canción: “arroz con chícharos, patacas novas, repolo de Betanzos e máis cebolas”.

Viño de Betanzos

Hai documentación que fala da existencia de viño de Betanzos na Idade Media e que era unha das principais mercadorías no porto da cidade. Tras sufrir varias pragas no século XIX, hoxe en día recuperáronse unhas cepas que conseguiron a denominación de Viño da Terra de Betanzos. É un viño lixeiro, froiteiro, de pouca gradación e en variedade branco e tinto. A tradición é tomalo en adegas particulares sinalizadas co típico ramo de loureiro na porta.

Outros

Ademais hai outros moitos manxares de Betanzos para gozar da gastronomía local, por exemplo este popular bolo da Madalena. É un bolo de pan recheo. Trátase dun bolo de carne e ovo, algo así como unha empanada de carne pero un pouco máis contundente. Un alimento típico do luns de Pascua para celebrar a Festa da Madalena.