Loading...
beTANzos2018-03-23T10:25:20+00:00

PRESENTACIÓN

SITUACIÓN

HISTORIA

PARROQUIAS

Presentación

O Concello de Betanzos está no centro do Golfo Ártabro da provincia da Coruña, e ocupa unha superficie de 24 quilómetros. É capital de comarca e conta cuns 13500 habitantes repartidos en 8 parroquias: Bravío, Piadela, Pontellas, Requián, Santa María, Santiago, Tiobre e Viñas.

O Centro histórico foi declarado conxunto-histórico artístico en 1970 e trátase dunha das cidades medievais máis importantes de Galicia, proba diso é que foi capital dunha dos setes provincias do antigo Reino de Galicia.

Cidade (desde 1465) conta cun abundante patrimonio que reflicte a súa rica e variada historia, así como tres ríos que bañan o seu territorio: Mandeo, Mendo e Mero, que xunto á Ría de Betanzos conforman unha paisaxe digna de coñecer.

Festas, tradicións e gastronomía fan que calquera visita a Betanzos sexa sempre algo diferente. Ademais de pasear e descubrir todo o patrimonio cultural e natural que ten Betanzos, a hospitalidade da súa xente deixará unha agradable pegada nos visitantes.

Betanzos é historia, monumentalidade, tradición mais tamén está viva, convida a descubrir cada un dos seus recunchos, a pasear con calma, a coñecer os seus costumes.

Situación

Betanzos está situada na provincia da Coruña no Noroeste da Península Ibérica.

Por estrada podemos acceder a través da N-VI Madrid-A Coruña. Así mesmo conta con acceso á A-6 Autovía do Noroeste e á AP-9 Autoestrada do Atlántico. A N-542 comunica Betanzos con Santiago de Compostela; a N-651 con Ferrol; a AC-840 co interior de Galicia ata Ourense e a AC-0905 con Vilalba en Lugo.

Por tren Betanzos conta con dúas estacións,a de Betanzos-Cidade con servizo á Coruña e Ferrol e Betanzos-Infesta con servizo a Monforte de Lemos, Madrid e Barcelona.

Betanzos está situado a 18 quilómetros do aeroporto de Alvedro con voos nacionais e internacionais de compañías aéreas, tamén de baixo custo. O aeroporto internacional de Lavacolla está a 60 quilómetros.

Por autobús existen numerosas compañías que ofrecen os seus servizos na cidade.

Historia

As favorables condicións ambientais e de comunicación, así como a cantidade de restos de asentamentos humanos atopados de culturas posteriores, fannos pensar que esta zona xeográfica estivo habitada xa por grupos paleolíticos.

Das culturas prehistóricas será a castrexa a máis coñecida, tanto a nivel científico como popular. Identifícaa, especialmente, o tipo de asentamento ou hábitat, o castro -de aquí toma o seu nome- destacando non só polas características destes, senón tamén pola cantidade deles que aínda se conservan. No noso territorio municipal destacamos o Castro de Untia como orixe da cidade de Betanzos.

A cidade constrúese comezando pola cima do castro ou “croa” e esténdese arredor desta, utilízase e respecta, pois, a propia orografía do terreo. Neste punto máis alto é, precisamente, onde se está emprazada na actualidade a praza da Constitución, rodeada por edificios como: o Concello, o Pazo de Bendaña, a Torre, a igrexa de Santiago e unha serie de vivendas de madeira. Este material, que se utilizou na construción ata principios do s. XVIII, foi motivo da masiva destrución de casas nos incendios de 1569 e 1616.

Nun primeiro momento, Betanzos estendíase ata o primeiro recinto amurallado (rúas do Castro, Santiago, Lanzós e Ferreiros), os patios e hortas finalizaban nun muro que co tempo se transformaría en rúa. O segundo recinto abrirase polos séculos XIV-XV, aínda que os restos conservados datan do XIV, foron reconstruídos máis tarde xa na época dos Reis Católicos. Desta muralla, que rodeaba a cidade, chegou pouco ata os nosos días, aínda que aínda se pode distinguir. Case toda ten edificacións particulares encostadas, só se pode apreciar nalgúns tramos (100 m na rúa de Valdoncel), onde se ve a súa factura de cachotaría.

Catro portas e un poxigo, todas elas do século XV, daban acceso á cidade: a chamada Porta da Vila, en fronte ao Campo da Feira, foi derrubada no ano 1872 para ensanchar a entrada á vila; con ela tamén desapareceron as ameas e trasladaron os escudos que a coroaban. As outras tres portas eran (e na actualidade son): a da Ponte Nova, do Cristo e a da Ponte Vella. O tres son de forma apuntada, coas aberturas das reixas na primeira e na terceira; e a segunda presenta, por riba dun pequeno balcón, un Cristo e detrás, pintados, unha cidade cun sol e unha lúa.

No século XVII, e polas influencias do estilo Barroco, realízanse algunhas transformacións: xorden os balcóns, os soportais e ábrense xanelas nos muros que con anterioridade eran macizos (como ocorre no pazo de Lanzós); ademais realízanse outras obras dentro e fóra da cidade como: o pazo de Bendaña, a igrexa das Angustias, o convento de San Domingos, etc.

Un século máis tarde, xa no XVIII, construiranse edificios tan importantes como o Concello ou, xa nos extramuros, o que se pretendeu fose Arquivo do Reino de Galicia, o actual Liceo.

A mediados do século XIX comeza a xurdir un interese real polo aspecto urbanístico da vila, faranse reformas na Praza do Campo, e tentarase convertela nunha “praza maior”; así, decídese o seu pavimentación e tráese desde Francia unha fonte de ferro que representa a “Diana cazadora”, e que se coloca nun lugar céntrico da praza. As casas, situadas nun lado desta, sofren reformas, xorden as galerías que transforman o aspecto do conxunto.

A cidade tenta saír dos límites que lle impoñen o recinto medieval, abriranse novas rúas con mellores condicións hixiénicas, realízanse os proxectos do ensanche e incorpóranse novas tendencias arquitectónicas (casa de don Juan García Naveira). Conviven, neste momento, entre os séculos XIX e XX, tendencias de estilo historicista con modernismo e eclecticismo. Será o momento no que os “indianos” patrocinen obras de carácter social.

Desde a década do trinta é perceptible unha liña de ruptura coa construción tradicional; recórrese a un tipo de edificio máis barato, onde predomina o uso do ladrillo e do cemento e desaparecen, practicamente, os ornamentos. Con todo, por mor da declaración da cidade como conxunto histórico-artístico, obsérvase máis coidado á hora de realizar novas construcións ou rehabilitar as antigas.

Parroquias

Santiago e Santa María son as parroquias situadas no área urbana de Betanzos. Nos arredores da cidade podes atopar:

Santiago

Santa María

San Martiño de Tiobre

Lugares: O Barral, Betanzos O Vello, Braxe, Caraña de Abaixo, Caraña de Arriba, Caraña do Medio, Gas, Lanza, A Ponte Vella, San Paio, Touriñao de Abaixo, Touriñao de Arriba, A Xerpe.
Patrón: San Martiño 11 de Novembro.
Tamén se celebra a Romaría de San Paio o 24 de Agosto.

San Martiño de Bravío

Lugares: Acea, Barallobre, A Casilla, O Coto, O Martinete, O Marulo, Piñeiro, Roibeira, Os Tabaques.
Patrón: San Martiño 11 de Novembro.

Santa María de Pontellas

Lugares: O Castro de San Fiz, Illobre.
Patrón: Ascensión da Nosa Señora (variable entre maio e xuño).

Santiago de Requián

Lugares: As Abelares, Campodeira, As Casas Novas, O Farragoto, A Graña, A Infesta, O Pontillón, O Pequeno Regueiro, Requián, O Terreo, Xanrozo.
Patrón: Santiago 25 de Xullo.

San Estevo de Piadela

Lugares: Guiliade, Montellos, Piadela, Vila de Suso, Viúxe.
Patrón: Santo Estevo (mediados de setembro).

San Pedro de Viñas

Lugares: As Abelares, As Angustias, O Cepiño, Illobre, Vista Alegre.
Patrón: As Angustias (mediados de setembro).

tristique vel, commodo luctus lectus nec